Thursday 28 de March de 2024

O Concello da Coruña rende homenaxe á Policía Local no seu 175 aniversario


A alcaldesa, Inés Rey, presidiu os actos de entrega de distincións e lembrou o compromiso do seu goberno co corpo, ao que se incorporaron 41 novos axentes neste mandato

O Concello da Coruña celebrou hoxe 175 aniversario do corpo de Policía Local da cidade cun acto presidido pola alcaldesa, Inés Rey. Entre outras autoridades, estiveron tomaron tamén parte no acto: Juan Francisco Arrazola Martinez, xeneral xefe do Mando de Apoio á Manobra; Fernando Suanzes Pérez, fiscal superior do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia; María Rivas López, subdelegada do goberno na Coruña; e Juan Ignacio Borrego, concelleiro de Seguridade Cidadá.

Baixo diferentes denominacións, a Policía Local da Coruña traballa de maneira ininterrompida desde o ano 1846 ao servizo da seguridade colectiva. “Son moitas as xeracións de policías locais que teñen dedicado a súa vida a unha das tarefas máis nobres que existen, a de salvagardar a convivencia, a seguridade e a tranquilidade dos cidadáns, aspectos fundamentais para poder garantir o libre desenvolvemento dos nosos dereitos como sociedade”, sinalou Inés Rey durante o acto.

O salón de plenos municipal acolleu a entrega de distincións ás e os axentes polo seu traballo. Entregáronse medallas e diplomas aos funcionarios con 35 e 30 anos de servizo. Tamén recibiron unha homenaxe os policías xubilados no 2020 coa distinción de policías honoríficos.

Por outra banda, distinguiuse especialmente aos axentes pola súa labor durante a primeira fase da Covid-19. Por último, tamén tiveron mención as e os funcionarios da Policía Local pola súa traxectoria exemplar.

“Estamos a atravesar momentos complexos nos que comezan a facerse visibles as consecuencias económicas e sociais da pandemia e vos, como o corpo que estades máis cerca da rúa e dos cidadáns, xogades un papel fundamental para identificar ameazas e apoiar ao resto de corpos de seguridade”, apuntou Inés Rey na súa intervención.

O Concello da Coruña amosou neste mandato o seu compromiso co corpo da Policía Local. “Estou segura que o actual cadro de persoal da policía que seguiremos a reforzar con novas incorporacións, como fixemos neste mandato con 41 novos axentes, seguirá a historia de 175 anos de compromiso e entrega do corpo na Coruña, e responderá con profesionalidade e dedicación aos novos retos que temos por diante. Sei que todos e cada un de vós responderedes á confianza que a cidade ten depositada en vós, con dedicación e compromiso, e que non lle fallaredes”, apuntou Inés Rey.

A alcaldesa pechou o acto insistindo en que a Policía Local é unha peza fundamental para a cidade e un orgullo para os seus habitantes. “Grazas, ánimo e forza a todos os axentes que cada día vos poñedes o uniforme levando ao carón do voso peito o escudo da cidade porque estou segura de que a servides co maior dos orgullos”, sinalou Inés Rey.

Exposición en María Pita
Esta mañá tamén se inaugurou na sala de exposicións de María Pita unha exposición comisariada por Santiago Pérez Arias sobre os 175 anos da Policía Local. Trátase dunha retrospectiva deste corpo ao longo da súa historia e varios diferentes denominacións.

A mostra inclúe documentación cronolóxica de todas as etapas, uniformes desde a década de 1920 e fotografías históricas e de actualidade. Esta exposición é de acceso libre para toda a cidadanía.
Premiados

Medalla e diploma á permanencia no servizo por 35 anos:
● Inspector principal Ángel Mérelas Sánchez.
● Inspector Santiago Pérez Arias.
● Oficial Alejandra Patricia Couto Antelo.
● Oficial Ángel Ramón de la Iglesia Romero.
● Policía Santos Javier Recio Torres.
Medalla e diploma á permanencia no servizo por 30 anos:
● Oficial José Manuel García Rodríguez.
● Policía Juan Daniel Dequidt López.

Homenaxe aos policías locais xubilados no ano 2020 coa distinción de policías
honoríficos:
● Intendente Victor Fernández Chao.
● Inspectora principal María Isabel Díaz Mantiñan.
Distintivo de mérico por Covid-19:
● Inspector Principal José Manuel Rico Rodríguez.
● Inspector Juan Puente Rapela.
● Oficial José Manuel García Rodríguez.
● Oficial Julio Barreiro López.
● Oficial Ángel Ramón de la Iglesia Romero.
● Policía José Manuel Loureiro Ventureira.
● Policía Juan Daniel Dequidt López.
● Policía Manuel Fernando Cernadas Vázquez.

Medalla e diploma de felicitacións públicas:
● Santiago Villanueva Álvarez
● Javier Jambrina Rodríguez
● Raimundo Francisco Fernández Legaspi
● Félix Díaz Rodríguez
● José Enrique Alcazar Sánchez-Vizcaino

Medalla e diploma pola traxectoria profesional exemplar:
● Inspector Juan Puente Rapela.
● Oficial Julio Barreiro López.
● Policía José Manuel Loureiro Ventureira.
● Policía Manuel Fernando Cernadas Vázquez.